27 may 2013

Panadería Manolo da Morena, fundada en 1840

Panadería Manolo da Morena, ofrece un produto natural elaborado de forma tradicional.

 

Centro comercial aberto de Lalín, constituído no ano 2011

 

O Concello de Lalín conta cunha superficie de 326 quilómetros cadrados, é un dos municipios de maior extensión de toda Galicia e goza dunha situación privilexiada no corazón da Comarca do Deza ademais a súa situación xeográfica converte a Lalín no quiilómetro cero de Galicia.

 

Actualmente Lalín conta cunha poboación de 20.453 habitantes, concentrando máis de 10.000 habitantes no núcleo urbano e o resto distribuído entre as súas 52 parroquias do rural.

 

A economía do municipio é moi diversificada, posto que a tradicional actividade agrícola e Bandeira foi dando paso progresivamente a un importante sector industrial. 

 

A gastronomía, coa Feira do Cocido como referente, e os seus paisaxes naturais son uns dos principais atractivos turísticos de Lalín.

 

Fachada CCA

O Centro Comercial Aberto de Lalín constituíuse no ano 2011 baixo o paraugas da Asociación de Empresarios de Deza, co obxectivo de unir o sector comercio e defender os seus intereses, así como para dinamizar a economía local. Actualmente conta ao redor de 105 comercios asociados (información dada polo CCA).

 

O CCA de Lalín leva a cabo unha gran variedade de iniciativas e actuacións conxuntas para a dinamización do sector. Ademais realizamos unha importante labor de información, asesoramento e formación, co obxecto de ofrecerlles un apoio para o desenvolvemento da súa actividade.

 

Alejandro Campos Vázquez (Presidente)

 

PRESIDENTE: ALEJANDRO CAMPOS VAZQUEZ

 

 

XERENTE: MARIA JESUS GARCÍA DIÉGUEZ

  

 

 

Páxina web: www.aedeza.com

 

 

 

 

 

Panadería Manolo da Morena, fundada en 1840 



O matrimonio entre Dna. Benita González e D. José Trabazo foron os fundadores da panadería en 1840. Logo, en 1899, a filla, Dna. Josefa Trabazo, e o seu marido, D. Manuel Fernández, continuaron co negocio de panadaría. En 1933 a filla, Dna. Carmen Fernández, e o seu esposo Luis Lalín continuaron co negocio. O fillo deste matrimonio, D. Manuel Lalín, e a súa esposa, Dna. María Soto, colleron o negocio en 1965.

Cociendo os propietarios María Soto e  Manuel Lalín


Actualmente, segue exercendo a súa actividade a Sra. María Soto xunto co seu fillo, Manuel Lalín e a súa muller Ángeles Barreiro, que se incorporaron no ano 2000 ó negocio.


 

1840 – Bisavós (Benita González Vilariño e José Trabazo López)

As dúas seguintes xeracións

1899 – Avós (Manuel Fernández Alvarellos e Josefa Trabazo González)

1933 – Pais (Luis Lalín García e Carmen Fernández Trabazo).

1965 – Fillos (Manuel Lalín Fernández e María Soto García)

2000 – Netos (Manuel Lalín Soto e Ángeles Barreiro Pichel).


A actividade iniciouse no ano 1840.


O matrimonio entre Dna. Benita González e D. José Trabazo foron os fundadores do negocio, permaneceron aproximadamente 60 anos exercendo de panadeiros.


Vista panorámica situación ano 1972
Vista panadería ano 1972








A panadería incialmente estivo emprazada na R/ José Antonio actualmente R/ Calzada, posteriormente trasladaron o negocio á R/ D, no ano 1933 cando comezaron D. Luis e Dna. Carmen a traballar.

Só contan cun establecemento onde teñen o obradoiro e o despacho de pan.

Sempre se centraron na elaboración de pan (de trigo, de centeo, sen sal,...).


A Sra. María Soto descoñece porque puxeron unha panadería e non outro tipo de negocio.


A forma de elaboración do pan é tradicional, seguen coa mesma técnica de sempre (seguen coa artesa e a amasadora) o único que variou foi a cocción, xa que antes o forno tiña a leña dentro do mesmo forno e agora, aínda que segue sendo un forno que se quenta con leña, esta ponse ó lado o que é máis hixiénico e acelera o proceso de cocción.


Cociendo

A forma de elaborar o pan é totalmente tradicional e os ingredientes son 100% naturais, o pan da Panadería Manolo da Morena tan só leva sal, fermento e fariña do país.

Ofrécese ós clientes un produto natural elaborado de forma tradicional e sen que supoña maior custo.


Valórase a conservación do pan, dura máis días, é saboroso e versátil adáptase para facer distintos pratos (tostas, sopas,...).



Despacho remodelado

Actualmente rexentan o negocio a nai Dna. María Soto, o fillo Manuel Lalín e a nora Dna. Ángeles Barreiro, contan cunha media de persoal laboral de 3 empregados, unha das empregadas leva máis de 30 anos con eles, outro empregado leva 12 anos (aproximadamente) e o último en incorporarse leva 2 anos.

20 may 2013

Villar: A saga de reloxeiros persiste na vila do albariño

Villar, máis dun século ininterompidamente

 

Asociación Cambados Zona Centro, C.C.U.

 

O Concello de Cambados, calificado como Ben de Interese Cultural dende novembro de 2001, está considerado como un dos destinos turísticos máis admirados e interesantes de Galicia. Situado no interior da Ría de Arousa, e no Val do Salnés, éstes enclaves fano destacar en sobremaneira polos produtos do seu mar e da súa terra, escenificados en importantes eventos gastronómicos sobre os que destaca a Festa do Viño Albariño, declarada Festa de Interese Turístico Nacional.

 

A historia do centro comercial aberto de Cambados comeza en febreiro de 2002, cando se pon en marcha a xunta xestora composta polo Concello de Cambados, a Asociación de Comerciantes de Cambados, a asociación de hostaleiros Ruta 24, e a Fundación Comarcal do Salnés. O seu traballo da o seu froito, e no mes de xuño de 2002 ten lugar a presentación  da Asociación Cambados Zona centro, C.C.U.

 

Entre os seus obxectivos figuran por un lado a representación e a defensa dos intereses dos seus asociados, así como a atención das súas necesidades de información e asesoramento. Por outro lado, a mellora da competitividade do conxunto do comercio, hostalaría e servizos asociados, a través da dinamización e das actividades promocionais, transmitindo unha imaxe de unidade.

 

Deste xeito, dende a asociación desenrólanse campañas promocionais tanto para comercio como para a hostalería, como son: Nadal, Día dos Namorados, Día do Paí, Día da Nai, Rebaixas, Concurso do Pinchos, Festa da Vieira, Xornadas da Zamburiña, etc...

 

Ó mesmo tempo, en colaboración co Concello de Cambados, desenrólanse outra serie de campañas, como son a Cabalgata de Reis, o Entroido, ou a elección das Raíñas das Festas do Albariño.

 

Páxina web: www.cambadoszonacentro.com

www.facebook.com/cambadoszonacentro 

 

 

Villar: A saga de reloxeiros persiste na vila do albariño

O compás que marcan os segundeiros dos reloxos que colgan  das paredas da Xoiería - Óptica Villar, en Cambados, ben poderían haber computado o tempo durante mais dun século ininterrompidamente.  En 1880 Gerardo Villar Sangenís, un aprendiz de xoiería e de montaxe óptico de Santiago de Compostela, fundou na histórica Praza de Fefiñáns de Cambados a primeira óptica que se recorda na capital do albariño.


Naquela antiga xoiería e óptica naceu a segunda xeración dunha prolífica familia de reloxeiros, que dende entón están rexentando o negocio creado por Gerardo Villar, e hoxe xestionado xa polos seus bisnetos. A súa xoiería foi sen dúbida a mais recoñecida de Cambados, xa fose en mans do seu fundador, do seu fillo Santiago Villar Bahamonde, do seu neto don Manuel Villar Villar, ou dos actuais herdeiros do negocio, Carlos e Santiago, quenes na actualidades levan a xestión do comercio familiar, e que conforman a cuarta xeración dos Villar.

O lonxevo pequeno comercio desta familia de xoieiros
Manuel Villar Villar e os seus fillos, Carlos e Santiago, 4ª xeración
cambadeses cambiou moi pouco en canto a técnicas de reparación dos minúsculos artigos de xoiería e reloxería cos que traballan. Os avancen na técnica que os novos reloxos dixitais ou de cuarzo impuxeron no negocio da reloxería non eliminaron os tratamentos artesanais que as pezas mais delicadas, que seguen requirindo o traballo manual minucioso e coidadoso dos vellos xoieiros.

Pero algunhas destas especialidades do oficio si se viron moi cambiadas nestes anos, nos que a xoiería dos Villar mantivo as súas portas abertas.Recórdase por exemplo, aquela época na que os gravadores eran uns auténticos profesionais que se tiñan que formar nesta especialidade nalgún dos talleres de máximo prestixio.

Na actualidade esta especialidade profesional está completamente obsoleta, da dada a existencia de cómodas máquinas para gravar. As novas tecnoloxías tamén alcanzaron, como non, a reparación dos reloxos. 
O funcionamentos das vellas maquinarias de engrenaxe dos reloxos analóxicos foi aprendido de xeración en xeración, traspasando os coñecementos dos misterios da máquina de medir o tempo, de pais a fillos durante estes 133 anos. Pero para descifrar o entramado tecnolóxico dos novos sistemas dixitais, a cuarta xeración  dos Villar tivo que ampliar coñecementos nos talleres de expertos reloxeiros de A Coruña. Polo demais, o certo é que ó nacer nunha casa de larga traxectoria profesional no ramo, imprime as condicións imprescindibles para converterse nun perfecto especialista na materia.


Óptica Villar a finais dos anos 80
Se as técnicas deste artesanal oficio variaron pouco, os artigos que se venden na Xoiería Villar si o fixeron. Das vellas lentes graduadas que se expoñían nos escaparates, feitas á man nos talleres de Santiago onde aprendeu o oficio Gerardo Villar, ós actuais instrumentos ópticos de precisión, toda unha gama de valiosísimo xénero, que caracterizaron os distintos grados de opulencia vividos nas últimas 13 décadas de historia, puidéronse contemplar nos escaparates desta xoiería, óptica e reloxería.


Establecemento na Rúa Infanta

Tamén a ubicación do negocio foi variando nesta frutífera historia dos Villar. Da tenda inicial na Praza de Fefiñáns, o comercio cambiou a súa situación, ó menos en tres ocasións. O local no que se atopa actualmente na Praza Ramón Cabanillas, acolle a ópticas dos Villar dende o ano 1968. Anteriormente estivo en 2 locais diferentes dunha casa, hoxe desaparecida, da Rúa Infantas.




Instalacións actuais na Praza de Ramón Cabanillas
Nas súas vitrinas e escaparates, podemos admirar a enorme gama de reloxos, monturas, xoias, complementos de decoración e trofeos que ó longo desta larga existencia a xoiería logrou abarcar para satisfacer a tódolos gustos posibles.

Moita da súa clientela consérvaa dende fai dúas ou incluso tres xeracións, e entre a mesma atópanse recordos realizados para personaxes ilustres como o embaixador dos EEUU ou un Secretario de Estado tamén americano. 

Tamén entre os seus traballos figuran os emblemas de prata que cada ano locen os cabaleiros da Orden do Albariño no seu nomeamento, así como a folla de parra de prata que configura o emblema desta festa. Pero sen dúbida, a creación publica mais relevante de tódalas creadas pola xoiería Villar, é o montaxe do reloxo da fachada da Casa do Concello de Cambados, feito tamén nesta casa.