28 oct 2013

"Casa Juanito" e "Ultamarinos Aceitero", comenzan a súa andaina no ano 1910

Asociación de Empresarios Terra de Melide 
Asetem Centro Comercial Aberto




Logo CCA

A Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem) nace a o 30 de outubro de 1.989 para recoller as inquedanzas dunha parte do empresariado da comarca. Nesa data asínase a acta de constitución da entidade sendo presidente José Quintas Saavedra. Miguel Pampín Rúa desempeñou o cargo de secretario, Victorino Barrio López o de tesoureiro e Plácido González Gutiérrez o de contador. Como  vogais desa primeira xunta directiva figuraban Manuel Casal Mariño, Antonio Rodríguez Pampín, Carlos Taboada Santiso e Joaquín París Figueiras.


Unha vez constituída, a asociación axiña pasa a integrarse na Confederación de Empresarios da provincia da Coruña (CEC), comezando así un longo percorrido de constante apoio ao tecido económico local que dura xa máis de 23 anos e que chega ata día de hoxe.


Sonia Valiño Vázquez (Presidenta Cca)

O 21 de outubro de 2005 a asociación constituíuse como centro comercial aberto. Outro dos fitos da historia recente de Asetem-Cca produciuse o 27 de maio de 2010, cando as dúas patronais existentes ata o momento na vila ratificaron a súa vontade de unirse. Os preto de 50 membros do antigo Centro Comercial Aberto Vila de Melide decidiron integrarse voluntariamente en Asetem-Cca, que pasou a sumar un total de 142 socios (información dada polo Cca) e converteuse no colectivo único de representación dos comerciantes e empresarios/as locais.


Pilar López López (Xerente Cca)

Recentemente, en coincidencia coa celebración en novembro de 2012 da Cea Anual de Confraternidade, Asetem-Cca acadou a simbólica cifra de 150 socios, o récord de membros dende a súa fundación.


O ámbito de actuación de Asetem-Cca abrangue a comarca da Terra de Melide, formada polos concellos de Melide, Toques, Santiso e Sobrado dos Monxes. 



Páxina web: www.asetem.com
Facebook: www.facebook.com/asetem.cca




Casa Juanito, catro xeracións á fronte do negocio


Escaparate de Casa Juanito

Casa Juanito comezou a súa andaina no ano 1910 por iniciativa de Juan Rodríguez Uriña, bisavó dos actuais xerentes. Cento tres anos de historia e catro xeracións á fronte dun comercio familiar e tradicional que segue a conservar a súa localización orixinal, na rúa Mateo Segade Bugueiro, e unha liña de negocio moi semellante á dos seus inicios.


Corrían os primeiros anos do século XX cando Juan Rodríguez Uriña casou e recibiu como dote un coche de cabalos. Foi o momento no que decidiu dar o salto ao mundo dos negocios e, ante a ausencia dos que logo se coñecerían como coches de liña, comezou a transportar xente dende Melide ata localidades próximas como Arzúa, Curtis e outras máis afastadas, como Sada. Ao mesmo tempo abriu un pequeno establecemento de ultramarinos no que botaba unha man súa muller e máis tarde os fillos mentres el continuaba realizando viaxes co coche de cabalos.


Interior do negocio

Casa Juanito despachaba nos seus inicios produtos alimenticios básicos e outros elementais para o día a día: azucre, aceite, xabón… tamén, como era propio de calquera ultrimarinos, aqueles chegados do outro lado o Atlántico, tal é o caso do café ou das especias.  Á marxe do comercio propiamente dito, a casa contaba na parte de atrás cunhas cuadras nas que aquelas persoas que se achegaban de Melide podían deixar os seus cabalos mentres mercaban ou realizaban outras xestións na vila. “Era unha especie de aparcadoiro dos de hoxe en día”, explica Juan José Rodríguez Mariño, neto do fundador de Casa Juanito, “os homes metían os cabalos na cuadra, sacábanlles as alforxas e deixábannolas na casa mentres ían facer as compras. Cando volvían, metían a mercancía nelas, acababan de mercar o que lles facía falta no noso comercio e collían os cabalos para volver para a casa”. Juan José Rodríguez recorda que seu avó mesmo mercaba herba para alimentar os cabalos mentres agardaban, algo que se deixou de facer trala Guerra Civil.

Interior do negocio

Tamén na parte de atrás do establecemento, Casa Juanito contaba cun espazo habilitado para que a xente procedente das aldeas puidese comer. Lonxe de ser un comedor ao uso, tratábase dun cuarto con mesas e cadeiras no que poder sentarse e picar algo: “algúns traían chourizo, touciño ou o que tivesen pola casa pero outros non traían nada e preferían mercarnos conservas a nós, que daquela eran unha novidade”. Malia contar con este servizo, Casa Juanito nunca foi unha casa de comidas. Ademais das mencionadas conservas, tan só servían pan e cuartillos de viño.


Juan José Rodríguez Mariño no interior do negocio

Nos tempos da posguerra moitos veciños e veciñas da vila e da comarca achegábanse ao establecemento para facerse cos produtos asignados nas súas cartillas de racionamento. Segundo explica Juan José Rodríguez, “este negocio non o tiñan todos os comercios, xa que había que reunir certos requisitos e ter un volume de mercancía suficiente”. Ao tempo que acudían polos produtos alimenticios, os clientes “aproveitaban para mercar outras cousas esenciais que necesitaban”, por iso Casa Juanito tamén foi paquetería e vendía todo tipo de roupa interior e tamén botóns, agullas, fío…


Juan José Rodríguez Mariño no interior do negocio

O negocio foise herdando de xeración en xeración por tradición ou, como di con ironía Juan José Rodríguez, “porque o burro aprende un camiño e vai sempre por el”. Nestes cento tres anos, Casa Juanito foi quen de conservar a súa esencia e, á marxe dos lóxicos cambios que impón o progreso e os novos hábitos de consumo, conserva a mesma liña de negocio. “Só cambiamos os estantes nos anos 50”, destaca Juan José, “meu pai fixo daquela algún arranxo, pero o demais segue todo igual”.
Interior do negocio
Tamén os produtos que venden, máis variados e enmarcados dentro da liña delicatessen: conservas de peixe e vexetais, legumes selectas, arroces especiais, embutidos de primeira calidade, xamóns ibéricos e unha gran variedade de viños e licores das primeiras marcas. Nos últimos anos Casa Juanito tamén se dedica á distribución de viños e cervexas, unha liña de negocio que complementa o ultramarinos.



Fachada de casa Juanito

Na actualidade Juan José Rodríguez Mariño, neto do fundador, segue a ser a alma mater de Casa Juanito e o rostro co que se identifica este comercio melidense de toda a vida, a pesar de que xa está xubilado e o peso da empresa recae sobre os seus fillos. Son máis de sesenta anos da súa vida dedicados a un  negocio familiar no que comezou con 16 anos, cando deixou de estudar. “Xa antes diso, no verán, me mandaban atender”, asegura, “e agora, con 77 anos, aínda boto unha man”. 




Ultramarinos Aceitero, tres xeracións á fronte do negocio


Escaparate actual de Ultramarinos Aceitero

A orixe de Ultramarinos Aceiteiro comezou a forxarse algúns anos antes da súa apertura como tenda especializada nos comestibles de ultramar. Corría o ano 1898 cando o bisavó de Antonio Rodríguez Pampín, o actual rexedor do negocio, lle arrendou a Joaquín Penas a hoxe en día coñecida como Casa Quinzán, un edificio da céntrica rúa do Convento, en Melide. O prezo fixado polo aluguer foi de 1.464 reais, ou o que é o mesmo, unha peseta diaria.


Naquela casa montou unha taberna e unha pousada na que tamén traballaban os seus fillos, José e Elisa Martínez Sobrado, avoa de Antonio. Ela habíase converter na alma mater do negocio e a taberna, na que tamén daban comidas, axiña pasou a ser coñecida como “Casa Elisa”. Xa por aquel entón comezaron a vender “algunhas cousas que facían falta naqueles tempos”, explica Antonio: viño, pan, aceite, sardiñas, carburo… Ao ser pousada, tamén daban durmida e incluso dispoñían de cortes para meter os animais e mantelos.


Interior do negocio (actualmente)

Á morte de seu pai, Elisa queda á fronte do negocio xunto cos seus fillos. Un deles marchou estudar empresariais á Coruña e da súa man comezaron a chegar novos produtos e servizos para aquela tenda-taberna-pousada que non deixaba de evolucionar. A modernización consistiu en incorporar ao negocio os abonos químicos, madeiras, un depósito de cervexa Estrella Galicia, que daquela se repartía en barrís, e outro de cemento, un material que naqueles tempos a penas se empregaba nas obras: “facíase todo a base de area, cal e pedra”, sinala Antonio Rodríguez. O cemento chegaba a Curtis en tren, procedente de Oviedo, a alí íano buscar para trasladalo ata o seu almacén. 


Precisamente unha das primeiras casas de cemento e paredes de formigón armado de Melide, xunto co coñecido edificio do Banco Pastor, foi a que comezou a construír Elisa Martínez na Avenida da Coruña. Corrían os primeiros anos da década dos 20. En 1924 decidiu deixar a pousada e o bar para quedarse só coa parte do negocio dedicada aos ultramarinos, xa instalada na nova casa que construíra.


En 1928 Ultramarinos Aceiteiro comeza unha nova etapa: Elisa enferma e o seu fillo Manuel Rodríguez, á volta do servizo militar, faise cargo da tenda. Tras casar con Presentación Pampín, ámbolos dous decidiron incorporar unha nova liña de negocio, a venda de roupa, que se mantivo ata o seguinte relevo xeracional, na década dos 70.


Antonio Rodríguez Pampín (propietario)

Foi entón cando o actual propietario, Antonio Rodríguez Pampín, e o seu irmán Javier colleron as rendas da tenda, un establecemento que non deixou de evolucionar no tempo pero que sempre se mantivo fiel no que á venda de ultramarinos se refire: “niso seguimos igual ca toda a vida”, declara Antonio, a pesar de que agora xa non despachan carburo, buxías para os candís, brochas para poñerlles aos zocos ou mechas para os chisqueiros. “Aumentamos a variedade de produtos que vendemos porque a demanda é maior, pero a filosofía segue sendo a mesma de sempre”, asegura, “fomos incorporando artigos segundo a xente foi demandando”. A día de hoxe, ademais dos comestibles, Ultramarinos Aceiteiro vende cereais e abonos. Tamén material de apicultura, sendo o único establecemento en Melide que dispón de produtos e artigos específicos para o aproveitamento das abellas.


Antonio Rodríguez Pampín no interior do negocio

Tras moitos anos detrás do mostrador de Ultramarinos Aceiteiro, Antonio Rodríguez explica que “a calidade e a confianza na persoa que vende” seguen a ser os principais activos dun negocio tradicional coma o seu e os aspectos máis valorados pola clientela: “aquí seguimos vendendo moito pemento para a matanza porque é da mesma clase e da mesma variedade ca hai 80 anos”, argumenta, “veñen exclusivamente por el, e o mesmo pasa co bacallau, porque saben que son bos produtos e que non lles van fallar”.


Vista do negocio actualmente

Manuel Rodríguez é consciente de que Ultramarinos Aceiteiro rematará a súa andaina o día que el decida pechar para sempre a porta do negocio, a mesma que noutros tempos estaba sempre aberta: “nacemos todos os irmáns na tenda e sendo pequenos turnabámonos para atender na hora de xantar porque a porta do negocio, dende as 9 da mañá ata que iamos para a cama, estaba sempre aberta”. Agora ve máis preto o día en que a teña que pechar e recoñece, non sen certa morriña e tristura, que os tempos mudaron: “antes as familias tiñan moitos fillos e algún quedaba na tenda, pero os nosos non van quedar; ao estudar e ter mellores oportunidades, escapan do negocio”.




No hay comentarios:

Publicar un comentario